Thursday 16 de May de 2024

A Deputación apraza o cobro do imposto de vehículos en 79 concellos da provincia


Nos concellos que delegan o cobro do IVTM na Deputación, aprázase o recibo ata despois do 30 de abril

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de asinar unha resolución pola que aproba medidas extraordinarias en relación aos procedementos que tramita a área tributaria da institución provincial.

Entre esas medidas, decrétase que a primeira campaña de recadación de 2020, que comezaba este mes e que inclúe o imposto de vehículos (IVTM) e outras taxas, aprázase ata despois do 30 abril (*achégase listaxe dos concellos que teñen o IVTM delegado na Deputación)

Tamén quedan suspendidos ata o 30 de abril todos os embargos, as providencias de constrinximento, as poxas e a execución de garantías, así como calquera tipo de notificación executiva dos servizos tributarios provinciais.

“A crise sanitaria do Covid-19 implica tamén un importante impacto económico para moitas empresas, autónomos e familias. A nosa prioridade en materia económica seguirá sendo protexer o tecido produtivo e social da provincia e intentar minimizar o seu impacto nas empresas e na cidadanía, tratando que os efectos sexan transitorios”, afirmou González Formoso, que lembrou que ademais deste aprazamento tributario, que se prolongará se fose preciso, a Deputación mantén o “pago puntual aos seus provedores e contratistas como un dos servizos esenciais que deben funcionar ao 100% durante este período”.

Neste sentido, cabe destacar que grazas á rápida adaptación telemática da administración provincial, todos os servizos funcionan con normalidade e os pagos estanse realizando nos prazos habituais, polo que a Deputación da Coruña segue a ser unha das administracións con menor período medio de pago a provedores do Estado.

A Deputación adianta máis de 38,4 millóns de euros aos concellos

Estas medidas de aprazamento tributario non suporán unha merma económica para os concellos coruñeses, xa que a Deputación realizou xa anticipos a conta aos municipios que delegan a súa recadación na institución provincial por importe de 38.417.077 euros, que correspoden aos ingresos previstos polos concellos ata o mes de maio.

Estes adiantos, sen xuros para os concellos, permítenlles ter liquidez para afrontar os seus pagos durante este período.

Prazos prorrogados

A Deputación da Coruña lembra que para os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 8/2020, é dicir, os iniciados con anterioridade ao 18 de marzo, suspéndese tamén o prazo ata o 30 de abril .

As liquidacións, autoliquidacións, providencias de constrinximento e demais actos da área tributaria que dean lugar a un pago e que xa estiveran notificadas, pero sen ter concluído os prazos de pagamento, prorróganse tamén ata final do mes de abril.

Para calquera dúbida ou consulta, a Deputación mantén aberto o Servizo de Atención ao Contribuínte a través do teléfono gratuíto 900 132 204 e do correo electrónico atencion.tributaria@dacoruna.gal, así como a Oficina Virtual Tributaria (https://www.dacoruna.gal/servizos-tributarios/oficina-virtual/) na que se poden realizar trámites, consultas e xestións as 24 horas do día, os 365 días do ano.

*Concellos que teñen delegada a xestión/cobro do IVTM na Deputación e queda aprazado ata o 30 de abril

Abegondo, Ames, Aranga, Ares, Arteixo, Arzúa, A Baña, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Camariñas, Cambre, A Capela, Cariño, Carnota, Carral, Cedeira, Cee, Cerceda, Cerdido, Coirós, Corcubión, Culleredo, Curtis, Dodro, Dumbría, Fene, Fisterra, Frades, Irixoa, A Laracha, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mañón, Mazaricos, Melide, Mesía, Miño, Moeche, Monfero, Muros, Muxía, Narón, Neda, Negreira, Ordes, Oroso, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Padrón, O Pino, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Rois, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Valdoviño, Vedra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas.